sábado, 20 de diciembre de 2014

DECEMBRO: FESTIVAL DE NADAL

O 19 de decembro, o CEIP San Xoán celebrou o seu tradicional Festival de Nadal. Todo o alumnado do centro participou con actuacións que ían da obra de teatro á música, pasando pola danza.

A asistencia das familias encheu de máis vida, se cabe, o cole, e a xornada de convivencia prolongouse ata case as dúas e media da tarde.

Foi un feliz día do que queremos compartir imaxes, vídeos e recordos. Aquí vai unha mostra de todos eles.


SELECCIÓN DE MOMENTOS:




VIDEO DO FESTIVAL ÍNTEGRO:


ACCESO AOS VÍDEOS DE CADA GRUPO.


IMAXES DO DÍA.







jueves, 18 de diciembre de 2014

DECEMBRO: Un Nadal de Desexos co Apalpador e Papá Noel

Vaia! Seguimos desexando e cumprindo soños...



O xoves 18 tivemos unha visita moi especial... Papá Noel e o Apalpador apareceron para facer felices aos máis pequenos do Concello de Becerreá.



Foi un pracer comprobar a felicidade nos rostros dos nenos máis pequenos... Que bo será o noso Nadal con estas visitas!!




Grazas moi especiais para a Asociación de Pais e Nais de Becerreá, a Carlos de Chaás, da AC Son de Cores, a Antonio Díaz e á AC As Candelas de Becerreá.

MIRA AQUÍ ENTRADAS ANTERIORES DO NADAL

Un Nadal laranxa

Un Nadal de Desexos

Un Nadal co Apalpador e Papá Noel  -  O Apalpador

Un Nadal Solidario

Un Nadal de Postais

Festival de Nadal


miércoles, 17 de diciembre de 2014

DECEMBRO: Un Nadal de Desexos, un Nadal Laranxa


Un Nadal de Desexos é, tamén, un Nadal de Aromas... un percorrido por produtos e especias, de olores e sabores, de escritos, de cores...

Por iso, este Nadal de Desexos é un Nadal Laranxa. Laranxa pola cor que adorna o noso colexio, laranxa porque é o froito do inverno: sabor vitaminado que nos aporta a vitalidade precisa para suportar este tempo e que serviu para facer todo tipo de adornos, como non?, laranxas tamén.







E é un Nadal de Aromas porque, aparte do da froita, temos os "cravos de olor" e a canela a formar parte de adornos e menús.

Compartimos convosco as imaxes que creamos para vivir esta semana. Con elas, compartimos, tamén, os nosos mellores desexos.

PROGRAMA PARA O FESTIVAL DE NADAL:

O Festival de Nadal celebrarase o día 19 a partir das 11:30. As familias estades convidadas a presencialo e á convivencia que o seguirá. O programa é o seguinte:


  • A foto de Nadal. Alumnado de 4º
  • Kokoloeko. Alumnado de 3 anos
  • Una vez ocurrió que un niño... Alumnado de 3º
  • Sueños. Alumnado de 1º
  • Ratos en apuros. Alumnado de 2º
  • Love the way you live. Alumnado de 4 anos
  • Bullying. Alumnado de 5º
  • Circassian Circle. Alumnado de 5 anos
  • Que sorte! Alumnado de 6º
  • Eu teño un canciño. Alumnado de Primaria
  • My little sea. Alumnado de Primaria.

martes, 16 de diciembre de 2014

DECEMBRO: Unha tarefa voluntaria

Chegan as vacacións e con elas o desexo de non traballar, disfrutar da familia, dos xogos, dos paseos...

E nós temos algo pensado para este nadal, no que queremos compartir convosco tempos e actividades. Contando coa colaboración das familias, queremos comezar a recoller información para a nosa guía turística (Plan Proxecta). Por iso propoñémosvos algo:

Durante o Nadal, levade ao voso neno ao lugar máis fermoso da vosa parroquia. A ese que vos encanta polo motivo que sexa. Alí facede fotos ou video, disfrutade do lugar e compartídeo connosco. Despois, enviádenos ese material ao correo sextosanxoan@gmail.com (ou entregádeo no cole á volta do nadal) coa seguinte información:

LUGAR                 (Importante recoller ben este dato porque despois imos localizalo en mapas físicos e on line)

PARROQUIA

VISITA DE INTERESE PORQUE…

A NÓS GÚSTANOS PORQUE…


Formará parte dun repositorio que utilizaremos para traballar a competencia lingüística (redacción), a dixital (procesamento de imaxes, publicación web), a matemática (clasificación), a de coñecemento e interacción co mundo físico (localización en mapas) e, sobre todo, o descubrimento deste noso contorno, o recurso máis valioso que temos.









lunes, 15 de diciembre de 2014

DECEMBRO: O Apalpador


O Apalpador é a figura que, na nosa cultura, chega na noite do 24 de decembro para deixar un presente aos nenos. 

Tradicionalmente, o Apalpador tocaba as barriguiñas daqueles nenos que encontraba durmidos para ver se estaban ben alimentados e, se había algo de fame, deixaba unhas castañas.


Vive na Montaña Luguesa, preparando carbón para escorrentar o frío e o seu aspecto é doce, aínda que peculiar. 

Esta semana deixamos un espazo para el na entrada do noso cole, para que ningún neno sinta que non o coñece. Por iso fixemos un debuxo e escribimos a súa historia. Ainhoa, Ainara, Anne e Martín axudaron a pintalo.

Apalpador, ven tocar as nosas barrigas, prometemos durmir cedo na noiteboa!!





XOGOS SOBRE O APALPADOR

Xogo 1 (Portal da Matilda)

Xogo 2 (CRA Raíña Aragonta)

Xogo 3 (CEIP Frián)

Xogo 4 (Manuel Castro e Mar Ameixeiras)




jueves, 11 de diciembre de 2014

DECEMBRO: Un Nadal de Desexos

Durante este mes, o Calendario de Advento creado para o Entre Letras encheu os nosos días de desexos... Menús, premios, regalos compartidos e visitas inesperadas!

Case, xa, temos ganas doutro calendario de Advento: Lástima que teñamos que esperar ata o próximo decembro.




Tamén é o xeito no que este ano todos os "habitantes" do CEIP San Xoán nos felicitamos o nadal, pois no escenario onde terá lugar o Festival, recolleremos durante esta semana os desexos que nenos e adultos queremos entregar como felicitación aos nosos amigos. Será o xeito no que mostremos que desexar cousas boas é un modo máis de expresar emocións e querer os outros. A día de hoxe... xa case está cheo!


Estes son algúns dos momentos especiais do Nadal de Desexos.

Visita dos Pallasos: (Accede neste enlace a todas as fotos)

O noso especial agradecemento a Susana Rodríguez, Inés Carballo, Inma García, Sonia Arias, Rocío Rodríguez, Mirna Libera e Adela Soler, nais de alumnos do colexio, colaboradoras con esta iniciativa.




MIRA AQUÍ ENTRADAS POSTERIORES DO NADAL







miércoles, 10 de diciembre de 2014

DECEMBRO: Un Nadal solidario

Un dos aspectos máis salientables do Nadal é a nosa capacidade de empatía, tan traballada no programa Educación Responsable.

Cada día temos ocasión de demostrar esa cualidade e tantas outras que nos fan especiais e bos, pero no Nadal acada unha dimensión enorme. Por iso, non deixamos de publicitar, explicar e potenciar a participación na Campaña Solidaria que se leva a cabo na nosa vila.

Desde o ENDL organizamos que, durante esta semana, nas clases, falemos da importancia de ser solidarios e de participar nas campañas que se desenvolven. Igualmente, preparamos un cartel que vai estar presente en todas as aulas.

Queridas familias, mirade o que podedes compartir e, cando o levedes á Oficina de Correos ou ao Centro Social, imaxinade que estades levando un pouco de felicidade a un neno.


MIRA AQUÍ ENTRADAS POSTERIORES DO NADAL







martes, 9 de diciembre de 2014

DECEMBRO: Postais de Nadal

Como en pasadas edicións, encántanos participar no Concurso de Postais de Nadal que se presentan. As nosas creacións van para a FAPACEL e SON DE CORES, que nos convidaron a participar.

Igualmente, unha representación das nosas postais chegará ao Boletín da Fundación Botín, coa que participamos no Programa Educación Responsable.

Se queredes ver todas as postais, creamos este album en Google+.





jueves, 4 de diciembre de 2014

DECEMBRO: Visita á Fundación TIC

O día 3 de decembro, os alumnos de 5º e 6º viaxaron ata Lugo para visitar a Fundación TIC. Dependente da Deputación de Lugo, a Fundación TIC adícase á produción de documentos audiovisuais e ten unha escola propia de Imaxe e Son.
O noso interese para visitala está centrado na propia produción de audiovisuais, algo que entra no desenvolvemento do Plan Proxecta: Elaboración dunha Guía Multisensorial de Becerreá, no que estamos implicados.


A visita serviu para coñecer todas as instalacións, unha unidade móbil e o traballo de produtores, redactores, cámaras e técnicos de son e imaxe. E deunos idea do difícil que é este traballo, porque nos deron a oportunidade de gravar un telediario (Ticodiario) que compartimos convosco.










martes, 2 de diciembre de 2014

DECEMBRO: Terceiro encontro da Liga Profesional de Ortografía

Hoxe tivemos o terceiro encontro da Liga Profesional de Ortografía. As regras que hoxe se traballaron eran:

LINGUA CASTELÁ: O uso do <V>

LINGUA GALEGA: Os usos do <C> e do <Q>






Os resultados son:

1º:4,45     2ª: 4.91     3º: 4,21      4º: 4,41      5º: 4,33        6º: 7

Ver novas anteriores


Este era o cuestionario para 5º e 6º:



lunes, 1 de diciembre de 2014

DECEMBRO: CALENDARIO DE ADVENTO

O Entre Letras para o mes de decembro vístese de desexos... 

De cara ao Nadal sempre procuramos o mellor aos nosos amigos, familiares... Este curso, decidimos modificar un pouco o formato das postais e, durante o mes de decembro, traballaremos os desexos.

A pasada semana os nenos traballaron cos titores os desexos que tiñan, consideraron os que poderían ser cumpridos e nolos contaron. Nós, convertidos en fadas dos desexos, queremos cumprir algúns deles.

E que mellor maneira de achegarnos aos desexos de nadal que cun Calendario de Advento? Un calendario moi particular pois, en cada día, agocha un desexo a cumprir...

Seremos capaces de ilusionar e ilusionarnos? Sen dúbida!!

Ah! E como estamos no Entre Letras, algúns desexos serán musicais, outros gastronómicos, outros literarios... en fin... seguide aquí abaixo algúns deses momentos:


01/12/14 - PRESENTACIÓN DO CALENDARIO DE ADVENTO:



01/12/04 - APERTURA DO PRIMEIRO DESEXO, NO COMEDOR ESCOLAR




IMAXES DE DIFERENTES DESEXOS CUMPRIDOS